Programa eleccións Claustro 2002
QUEICOIÑAS adquiriu hai xa oito anos
un compromiso co PAS, coa defensa dunha idea de universidade que compartimos
maioritariamente. É por iso que nos presentamos unha vez máis
ás elección o Claustro da UNIVERSIDADE DE VIGO, nesta ocasión
co obxecto de participar na elaboración duns novos Estatutos.
Antes de compartir convosco as nosas propostas para esta nova etapa, queremos dar conta, moi brevemente, do grao de consecución das que fixemos hai catro anos.
Daquela, rematábase a polémica sobre as competencias da xerencia nunha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na que lle daba a razón a demanda interposta pola CIG. Isto permitiunos contar cun argumento de peso na defensa da profesionalización do PAS.
Non fomos os únicos, pero co noso traballo contribuímos a que algunhas cuestións polas que apostábamos mudaran. Algúns exemplos:
· O Claustro reuniuse con maior frecuencia e propiciouse un alto grao
de consenso que chegou a permitir que o anteproxecto de orzamentos da universidade
fora modificado pola aceptación de emendas de distintos claustrais. No
proceso de contestación a LOU, os acordos que se acadaron recibiron o
acordo unánime ou ámplias maiorías.
· Participamos moi activamente para que se lograra o consenso necesario,
pois precisábanse maiorías cualificadas, que permitiran, en cumprimento
dos Estatutos elixir ós membros do Tribunal de Garantías.
· Promovemos as condicións para unha maior profesionalización
dos servicios e a xestión e que o nomeamento dos directores de área
foran aprobados pola Xunta de Goberno, coñecido o seu número e
as actividades encomendadas.
· Apoiamos a desaparición dos bolseiros de apoio a docencia práctica.
· Reclamamos un modelo e un regulamento para a Biblioteca Universitaria
como servicio fundamental de apoio a docencia e a investigación.
· Logramos que o Xerente se incorporara desde outra administración
e que non consolidara praza na universidade.
Logo de esta sucinta relación de feitos, resumimosvos os nosos obxectivos programáticos.
A PARTICIPACIÓN DO
PAS NO GOBERNO DA UNIVERSIDADE
A LOU reduce as competencias do Claustro e trasládallas o Consello de Goberno. Para que o Claustro siga a ser o verdadeiro órgano de representación e decisión da comunidade universitaria e non agonice por falta de competencias deberá convertirse no foro lexislativo e de supervisión da actividade do goberno de universidade.
Defenderemos o mantemento do peso da participación do PAS nos órganos colexiados de goberno. A presencia de QUEICOIÑAS no Claustro e Xunta de Goberno impediu que prosperaran as propostas da representación da PCUVI e Renovación Universitaria para aumentar a representación do profesorado a conta dos estudiantes e do PAS.
A mellora da xestión e dos servicios, a calidade das prestacións da universidade ós estudiantes, depende en boa parte do seu persoal non docente. Consecuentemente, faise cada vez máis necesaria, a participación do PAS na definición das mesmas ós seus usuarios. A estructura da administración, a dimensión dos servicios precisan da participación do PAS na súa definición. Nos Estatutos deberánse establece-los mecanismos de participación do PAS na elaboración das políticas de persoal de administración e servicios, superando os corsés impostos pola lexislación que afecta ó persoal funcionario e laboral respecto da participación dos traballadores na definición das relacións de postos e a organización do traballo.
Para conseguilo, propomos as seguintes medidas:
Definición básica estatutaria de
· Persoal de administración e servicios
· Administración e xestión
· Servicios universitarios: Biblioteca, Informáticos, Publicacións,
Deportes, Orientación, Culturais, Normalización lingüística,
Investigación, Relacións internacionais e exteriores, Avaliación
da calidade, Prevención e saúde laboral,etc.
· Compromiso de elaboración ou reforma dos Regulamentos de desenvolvemento
dos Estatutos, con mención expresa a prazos e composición das
comisións.
· Profesionalización. Separación da actividade de dirección
política da xestión da adminsitración e os servicios
· Administración e xestión.Descentralización da
xestión económico-administrativa potenciando as competencias dos
servicios, os administradores e os responsables dos centros de gasto.
· Formación. Incremento dos recursos humanos e económicos
que permitan realizar unha política máis activa e comprometida
coa formación do PAS.
· Política orzamentaria. Elaboración do orzamento por programas
con especial referencia os Campus e Centros. Negociación previa dos cadros
de persoal. Imputación da totalidade dos gastos ás actividades
que se realicen
· Política de normalización cultural e lingüística.
Xiro copernicano da política lingüista adicándolle máis
medios humanos, materiais e económicos co obxectivo de lograr unha administración
en galego. Formación, asesoramento e reciclaxe permanente en materia
de uso do galego.
Mantémo-la aposta por unha universidade pública que participe
activamente no desenvolvemento de Galicia, formando e colaborando coa sociedde
que a a financia.
Insistiremos na reclamación feita polo Claustro de unha Lei galega de
universidades e un Plano de finanzamento plurianual.