QUEICOIÑAS

QUEICOIÑAS presentase de novo ás eleccións ó Claustro da Universidade de Vigo. Somos unha candidatura formada por persoal funcionario e laboral dos distintos centros, campus e profesións e que conta entre os candidatos e candidatas con compañeiros con experiencia nos órganos de goberno e outros que se incorporan e achegan a sabia da renovación e a ilusión da xuventude. Non estamos sos, formamos parte dun amplo Colectivo Nacionalista de estudiantes, profesores e pas, o que nos ten permitido multiplicar as nosas forzas para acadar os nosos obxectivos e cumpri-los nosos compromisos.
Somos un ENTE, PENDENTE, DEPENDENTE, INDEPENDENTE

Pertencemos a un ENTE complexo, plural e coherente, cimentado pola experiencia, o respecto as opinións e as decisións democráticas, co obxectivo de participar e contribuír á construcción dunha universidade aberta á sociedade, plural e competitiva.
PENDENTE dos cambios que se pretenden introducir a través da LOU para cercenar os dereitos do PAS e a nosa participación nos órganos de decisión da universidade e dos retos que o futuro nos plantexa no contexto europeo, no ámbito da educación superior.
DEPENDENTE do colectivo ó que pretendemos representar, das súas demandas, das súas propostas para que a Universidade de Vigo sexa unha referencia na sociedade caracterizada pola súa contribución o desenvolvemento cultural, artístico, científico e tecnolóxico de Galicia.
INDEPENDENTE dos grupos de interese ou corporativos, no proceso de decisión e de formulación das propostas que definan a nosa universidade.
O Claustro, novamente volve a ter como principal obxectivo, elaborar uns Estatutos que acouten os aspectos máis regresivos e reaccionarios da LOU e perfeccionen a participación plural e democrática da comunidade universitaria nos órganos de goberno.
Nos, que xunto coa inmensa maioría da comunidade universitaria galega estivemos manifestándonos e opoñéndonos a LOU, presentámonos agora para conseguir que nos novos estatutos queden reflectidas as nosas ideas na defensa dunha universidade pública, galega e de calidade.
Témo-la experiencia de ter formado parte da oposición firme e rigorosa, e tamén, de ter apoiado un goberno, ó que criticamos dende a lealdade.
Presentámonos nunha candidatura para traballar na elaboración dos estatutos, para que o PAS manteña a súa porcentaxe de participación nos órganos de goberno e se acrecente a profesionalización da xestión e os servicios, pois non entedemos o Claustro como unha mesa de negociación sindical, senón como o foro de participación da comunidade universitaria na definición do seu destino.


   
   
 
Volver a páxina principal