Foi no ano 1993, logo da elaboración dos primeiros Estatutos da Universidade
de Vigo, cando nos presentamos ás eleccións ao Claustro baixo
a denominación de Queicoiñas. Participaramos no Claustro Constituínte
na Candidatura Aberta de PAS. Dende entón competimos con candidaturas
converxentes, alternativas, unitarias, de conveniencia e autoproclamadas independentes
cos máis firmes e diversos compromisos. Estivemos ás maduras e
ás duras, con máis apoio e presenza nunhas ocasións, en
minoría noutras, manténdonos fieis aos obxectivos que impulsaran
a creación da candidatura, ata o punto de caracterizar un xeito de proceder
na defensa dunha universidade pública, galega e de calidade.
Somos unha candidatura nacionalista, formada por traballadores e traballadoras da administración e os servizos universitarios, na súa condición de persoal funcionario ou laboral, de cidadáns comprometidos co país. A metade da candidatura coa experiencia dos compañeiros e compañeiras que xa participamos no Claustro e a outra metade coa frescura dos que agora se incorporan a ela.
No Claustro que agora se renova, mantivemos unha posición coherente cos compromisos asumidos no programa electoral. Dende a posición minoritaria que democraticamente se nos outorgou, chegamos ao fin do percorrido tal como o iniciamos, mantendo a unidade baseada na confianza e na coincidencia no proxecto.
Nestes derradeiros anos, vivimos un período complexo, obrigados á redacción duns novos Estatutos por imposición dunha Lei Orgánica de Universidades (LOU) que rexeitamos e combatemos, sumándonos ao esforzo da comunidade universitaria galega en contra da reforma aznarista que se mantén en vigor pese ás promesas de modificación do goberno.
Aprobáronse uns Estatutos, nos que coa nosa contribución, o PAS mantén a súa porcentaxe de presencia, pero pendentes de desenvolver, á espera das modificacións normativas de competencia estatal ou nacional. Facemos especial mención, ao Regulamento do PAS, recollido no artigo 119 dos Estatutos, no se relacionan as materias que canto menos deberán ser obxecto de atención e regulación polo mesmo.
A existencia, hoxendía, dun Regulamento de PAS, que estableceu no ano 1.995 órganos de representación comúns para o PAS funcionario e laboral, nos que tratar asuntos relacionados coa acción social, a formación ou a política de emprego, debeuse á participación da CAP na elaboración dos Estatutos e á determinación dos Queicoiñas na defensa dos dereitos do PAS fronte ás pretensións da PCUVI que daquela gobernaba á Universidade.
Diante dos novos retos que supoñen a adaptación ao espacio europeo da educación superior e para seguir contribuíndo ao crecemento e desenvolvemento dunha universidade comprometida co pais, presentámonos de novo ás eleccións cuns candidatos e candidatas dos tres campus, dos dous colectivos funcionarial e laboral, xunto cun programa e un compromiso na defensa dos intereses do PAS e a defensa dunha universidade galega, pública e de calidade.
Propostas programáticas
O PAS, como parte da comunidade universitaria, participa nos órganos colexiados de goberno da Universidade. Comparte, coa cota de representación que lle corresponde, a responsabilidade das decisións que estes adoptan, apoiando, rexeitando ou elaborando propostas sobre os asuntos que son competencia dos mesmos.
Ao PAS correspóndenlle, segundo os Estatutos as as funcións de xestión, actividades técnicas e administrativas, apoio, asistencia e asesoramento.
Tendo en conta esta dupla responsabilidade de tipo político e profesional,
propomos as seguintes medidas:
As propostas que realizamos irémolas desenvolvendo e explicando, enriquecidas coas achegas que xurdan, nos encontros e presentacións que faremos durante a campaña electoral.
Elaboración do Regulamento do PAS
Os Estatutos da Universidade, no seu artigo 119, encoméndanlle ao Claustro
a aprobación dun Regulamento que deberá contemplar unha serie
de materias reservadas polo xeral aos órganos de representación
do persoal funcionario e laboral. A modificación da Lei 9/1987 de órganos
de representación, determinación das condicións de traballo
e participación do persoal ao servizo das Administracións Públicas,
en trámite no Senado, por unha banda, e a existencia dunha Mesa Xeral
do PAS, constituída o 21 de decembro de 2005, co obxectivo de tratar
as cuestión comúns ao persoal funcionario e laboral, por outra,
aconsellan que sexa este órgano quen faga a proposta ao Claustro do Regulamento,
e este o sancione.
Para abundar na xustificación de esta proposta de procedemento para a aprobación do texto, convén recordar as materias que debe regular: situacións administrativas, selección, promoción, provisión, oferta de emprego, xornada e horario, participación en contratos, procedementos de selección, etc.
Trátase con esta proposta de que cada órgano exerza plenamente
as súas competencias, a Mesa Xeral do PAS, elaborar e acordar o Regulamento,
e ao Claustro, aprobalo ou devolvelo ao órgano propoñente.